Wednesday 15 de May de 2024

O Goberno local instalará na rúa Londres unha rede separativa de augas pluviais e residuais


O Concello saca a concurso este proxecto cun presuposto de 234.150 euros e un prazo de execución de 4 meses

O Concello da Coruña saca a concurso o saneamento da rúa Londres, un proxecto incluído dentro do Plan de Obras e Servizos (POST) da Deputación, cun presuposto de licitación de 234.150 euros e que permitirá dotar esta zona da Zapateira dunha rede separativa de augas pluviais e residuais.
As obras realizaranse na rúa Londres, dentro dun plan de traballo desenvolvido nos últimos anos para dotar A Zapateira dunha rede separativa de augas pluviais e residuais. Así, coa colaboración da Deputación, tamén se proxectaron en anos anteriores obras de similares características nas rúas Xenebra, Viena e París. No caso concreto da rúa Londres, o Goberno municipal destinará 68.191,26 euros, aos que se suma a achega da Deputación coruñesa, 165.958,88 euros.
Cun prazo máximo de execución de 4 meses, o Concello da Coruña, a través da Concellaría de Infraestruturas, proxecta unha rede separativa que permita a recollida, por un lado, das augas de tipo residual, e polo outro, das augas que se xeran na zona.
Así, instalaranse pozos de rexistro e un colector para a rede de residuais, mentres que para a canalización das augas pluviais se colocarán canaletas, colectores, pozos de rexistros e sumidoiros. A previsión é que a realización destes traballos non afecte aos servizos da zona, ao igual que non será preciso a expropiación de terreos para a execución da obra.
O departamento de Infraestructuras completará esta actuación co fresado e posterior reposición do firme da rúa Londres e a instalación de separadores de carril rebasables para garantir a protección dos peóns fronte aos vehículos que circulan pola zona, xa que existe unha importante circulación peonil no tramo inicial desta rúa, nas inmediacións do hospital Quirón.